Póñase en contacto connosco: 986 44 99 20

Queratocono

O queratocono é una enfermidade da córnea que evoluciona de xeito progresivo. Debido a unha alteración da estrutura do coláxeno corneal provoca unha maior elasticidade da córnea adoptando unha forma cónica irregular.
Os principais signos clínicos do queratocono son o adelgazamento da córnea na súa zona central ou paracentral, acompañado case sempre dunha elevación nesta zona e un alto astigmatismo irregular, o cal provoca necesariamente mala visión.
O astigmatismo irregular non se corrixe cos medios tradicionais (gafas ou lentes de contacto brandas), sendo necesario o uso de lentes de contacto gas permeables para conseguir unha boa calidade de visión.
Nos estadios avanzados, o queratocono provoca unha moi mala calidade de visión e o adelgazamento da parede corneal pode ser tan avanzado que se produce a súa rotura, sendo necesario un transplante de córnea para evitar a perda do globo ocular.


  • Tratamento

    Nalgúns ámbitos o queratocono non se trata. Déixaselle avanzar en espera de que se estabilice e deixe de progresar. Se isto non ocorre, recórrese a un transplante de córnea para substituír a córnea afectada.
    Existen diferentes posibilidades de tratamento segundo a situación da enfermidade:

    • Nos casos leves de queratocono pódese conseguir unha boa visión con gafas.
    • Os casos máis avanzados precisarán de lentes de contacto ríxidas para corrixir o astigmatismo irregular.
    • Nalgúns casos, pode ser necesario recorrer a tratamentos cirúrxicos, como os segmentos intraestromais para regularizar a córnea ou o cross-linking corneal, un procedemento que demostrou unha gran eficacia para frear a evolución do queratocono.
    • Nos casos máis graves, cando a visión se reduciu de xeito importante, a única solución é a queratoplastia ou transplante de córnea. Na actualidade, o transplante pode realizarse, en moitos casos, substituíndo selectivamente as capas afectadas da córnea e conservando o tecido san (endotelio), mellorando o seu prognostico.

    Os avances na oftalmoloxía fan que actualmente haxa dous tratamentos dispoñibles que deteñen o avance do queratocono e nalgúns casos reducen o astigmatismo corneal mellorando a calidade de visión antes de recorrer ao transplante de cornea.

  • Crosslinking Corneal

    O crosslinking corneal consiste en aplicar unha substancia fotosensibilizadora na córnea (riboflavina) e logo emitir sobre a córnea unha radiación ultravioleta determinada co fin de fortalecela ao crear pontes de unión entre as fibras de coláxeno e frear a deformación que ocorre nos queratoconos.

    O crosslinking realízase en queratoconos nos que se demostra progresión en exames sucesivos e que aínda teñen unha boa agudeza visual
    Na nosa experiencia, este tratamento é eficaz para deter o avance da patoloxía en máis do 90 % dos pacientes tratados e mellora a súa visión en moitos casos. O beneficio máis importante do tratamento é frear a progresión do queratocono, que é a principal causa de transplante de córnea en persoas xoves.
    A intervención dura entre 10 minutos e unha hora dependendo dos parámetros que se utilicen. Realízase con anestesia tópica e é ambulatoria.

    O postoperatorio soe ser molesto os 3 ou 4 primeiros días. A utilización de lentes de contacto terapéuticas e analxésicos pode reducir as molestias. Non existen riscos relevantes aínda que pode diminuír a agudeza visual en raros casos.

  • Implante de segmentos intracorneais

    Os segmentos intracorneais son implantes de material acrílico cun grosor variable para adecuarse ás necesidades do paciente. O cirurxián colócaos no interior da córnea (estrutura máis externa do ollo), na súa zona periférica, lonxe da zona central do ollo, para evitar a área visual central.

    Unha vez implantados, e grazas a un efecto mecánico, tensan e aplanan a córnea central (o mesmo que fai o láser), conseguindo tratar ata 4 dioptrías de miopía e 6 de astigmatismo, producindo un efecto de regularización da córnea. A miúdo deteñen tamén o avance do queratocono. Permanecen inmóbiles e invisibles a simple vista, xa que son transparentes como o tecido corneal onde están colocados.

    A calidade do tratamento depende do método empregado para facer o túnel na cornea onde se aloxa o segmento implantado. En Clinica Cadarso realizámolo co láser de femtosegundo, que é o método recoñecido como máis seguro e preciso.

    O tratamento realízase nuns 30 minutos, con carácter ambulatorio (non require internamento do paciente na clínica. Utilízase anestesia local por gotas e ao día seguinte faise vida normal.
    Na maioría dos casos, detense o avance do queratocono e mellórase a visión do paciente.