Póñase en contacto connosco: 986 44 99 20

Glaucoma

O glaucoma é un grupo variado de enfermidades oculares que se caracterizan por un aumento da presión intraocular que finalmente conduce á lesión do nervio óptico e á cegueira. O glaucoma constitúe unha das primeiras causas de cegueira no mundo, polo que ten unha importancia capital establecer un diagnóstico oportuno, xa que moitas veces pasa desapercibida ata estadios moi avanzados da enfermidade. A prevalencia do glaucoma aumenta coa idade, desde o 2,4 % en persoas maiores de 40 anos ata máis do 7 % en persoas por enriba dos 75 anos.
Entre os factores de risco relacionados co dano glaucomatoso do nervio destacan o aumento da presión intraocular, antecedente familiar positivo de glaucoma, idade avanzada, miopía e hipertensión arterial.

Tipos de Glaucoma
A cámara anterior periférica permite diferenciar dúas formas de glaucoma:

  • Glaucoma de ángulo aberto:

    É a forma máis frecuente (90%). Caracterízase por un comezo insidioso e progresivo, que durante o período inicial soe ser asintomático, polo que o diagnóstico se soe establecer tardiamente cando xa se produciron lesións irreversibles do disco óptico e alteracións do campo visual. Son moi importantes as campañas de despistaxe para identificar aos pacientes asintomáticos, así como tomar a tensión ocular a todos os pacientes que acoden á revisión por presbicia (a incidencia aumenta a partir dos 45 anos).
  • Glaucoma de ángulo cerrado

    Menos frecuente, pode provocar ataques agudos con moita dor, náuseas e vómitos, o que supón un alto risco de perda de visión se non se instaura o tratamento oportuno. Por conseguinte, un episodio de glaucoma de ángulo pechado constitúe unha urxencia oftalmolóxica.

Diagnóstico
Esta enfermidade soe manifestarse cando se atopa nun estado bastante avanzado da súa evolución. A visión que se perde non se recupera, polo que é fundamental un diagnóstico precoz. A proba máis indicada, tanto para o diagnóstico precoz como para a súa monitorización, é a campimetría computerizada: esta proba permítenos detectar a afectación funcional do nervio óptico. A Tomografía de Coherencia Optica (OCT) avalía o dano estrutural do nervio óptico e da capa de células ganglionares.

Tratamento
O obxectivo fundamental do tratamento desta enfermidade é evitar a progresión da neuropatía óptica glaucomatosa e, polo tanto, a discapacidade visual. O único factor causante de glaucoma modificable é a presión intraocular alta e para iso contamos con:

  • Colirios e pastillas

     Xeralmente se inicia o tratamento con medicación tópica, é dicir, colirio. Existen dous grandes grupos de medicamentos: aqueles que diminúen a produción de humor acuoso (betabloqueantes, inhibidores da anhidrasa carbónica, brimonidina…) e os que aumentan a evacuación do humor acuoso (análogos das prostaglandinas, pilocarpina…). En casos severos pode ser necesario administrar por vía oral inhibidores da anhidrasa carbónica para controlar a tensión ocular antes de recorrer a outros procedementos.
  • Tratamento láser

     Tamén é posible aplicar tratamento láser para reducir a presión intraocular: Trabeculoplastia Láser Argon (ALT) e Trabeculoplastia Láser Selectiva (SLT). Ambos procedementos realízanse con anestesia tópica (con gotas). O láser diríxese á malla trabecular para abrir as canles de drenaxe e mellorar a filtración. Con este procedemento conseguimos en moitas ocasións diminuír o número de colirios necesarios para baixar a tensión ocular.
  • Cirurxía do glaucoma

     En aqueles casos nos que a enfermidade se atope máis avanzada, recorrerase á cirurxía co obxectivo de reducir a presión no interior do ollo.
    A cirurxía trata de mellorar o fluxo de saída do humor acuoso mediante a creación dunha vía de saída (fístula). Hoxe en día utilizamos microimplantes para diminuír as complicacións e mellorar os resultados

    • Implante Ex-PRESS: O implante Ex-PRESS é un dispositivo filtrante que mantén un fluxo permanente de humor acuoso aos espazos subconxuntival e supracoroideo; é un dispositivo non valvulado de aceiro inoxidable cunha pestana distal que prevén que penetre en exceso e un esporón proximal que prevén a súa extrusión. Os implantes Ex-PRESS presentan desde o punto de vista teórico dúas vantaxes fundamentais: son moi sinxelos de colocar, o cal pode reducir considerablemente o tempo cirúrxico, e presentan unha alta biocompatibilidade que evita a fibrose cicatricial, causa máis frecuente do fracaso das técnicas filtrantes.

    Este novo implante en miniatura considérase unha alternativa fiable á trabeculectomía convencional. Varios estudos avaliaron a súa eficacia, seguridade e efectos secundarios, tanto en cirurxías filtrantes illadas como en cirurxía combinada.

    • Implante XEN:  O implante de XEN utilízase para diminuír a presión intraocular no tratamento de pacientes con glaucoma.
      O implante de glaucoma XEN é un tubo hidrófilo composto de coláxeno cunha excelente biocompatibilidade e tolerancia. Ademais, ten a vantaxe de ser un tratamento totalmente reversible, no hipotético caso de non lograr os resultados desexados para o paciente. Colócase a través da cámara anterior e mediante este microdispositivo comunícase a cámara anterior co espazo subconxuntival, permitindo un fluxo continuo de humor acuoso que axuda a baixar a presión intraocular.